Friday 03 de May de 2024

O Servizo de Atención Temperá da Mancomunidade de Ordes recibe o premio Coopera de entidades locais


A Xunta dota con 40.000 € este proxecto social de xestión compartida, que cada ano aforra máis de 492.000 € ás entidades locais da comarca, grazas ao deseño de innovadores sistemas integrados no ámbito da sensibilización, detección e coordinación

O presidente da Mancomunidade de Ordes recolleu esta mañá o premio Coopera Galicia Entidades Locais 2014, outorgado pola Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza. Con este galardón, dotado dunha achega económica de 40.000 euros, recoñécese o labor prestado dende o Servizo de Atención Temperá da Mancomunidade. Unha convocatoria que persegue impulsar e difundir as iniciativas de asociacionismo municipal mediante a distinción pública de proxectos de xestión compartida. No acto, que entre outros contou coa presenza do presidente e vicepresidente da Xunta de Galicia, a conselleira de Traballo e Benestar, o presidente da FEGAMP, presidentes das Deputacións provinciais e o director xeral de Administración Local, Manuel Regos destacou que “este premio pon de manifesto que dende a Mancomunidade de Ordes se fan ben as cousas. Que está comprometida coa sociedade e cos sectores que máis precisan das administracións, así como a boa xestión dos cartos e recursos públicos”.

O Proxecto Piloto Emprego Verde do Consorcio de Turismo de Ribeira Sacra e a Implantación de sistema inmótico na Mancomunidade Terra de Celanova completaron a lista de galardoados, recibindo o terceiro e o segundo premios respectivamente.

A Xunta de Galicia recoñece así a optimización de recursos que o servizo presenta no caso da Mancomunidade de Ordes. En termos económicos hai que falar dun aforro de algo máis de 492.000 euros ao ano, aspecto que resultou esclarecedor para a concesión do premio. A media anual de casos que se atenden sitúase nos 140, provenientes de cada un dos sete concellos integrantes do ente supramunicipal. Actualmente son 5 as profesionais que integran este equipo de traballo. 2 logopedistas, 1 psicóloga, 1 psicopedagoga e 1 traballadora social. Cada unha delas implicouse ferventemente na optimización dos recursos existentes mediante sistemas integrados no propio servizo e adaptados á normativa vixente, priorizando tamén a realidade e as necesidades da poboación da comarca. Todo isto en base á mellora na sensibilización, detección e coordinación dos casos, así como no traballo conxunto realizado tanto cos entes educativos como no ámbito sanitario.

En resumo, pódense establecer como obxectivos deste plan de mellora a recollida e análises das necesidades relacionadas co eido da primeira infancia para a elaboración de material de sensibilización específico, a creación dun sistema áxil e eficaz de detección adaptado aos axentes implicados, establecer un sistema innovador de coordinación que determine a temporalización e o intercambio de información para planificar intervencións eficaces, así como ofrecer medidas de conciliación familiar cunha metodoloxía do sistema axustada.

O Servizo de Atención Temperá da Mancomunidade de Ordes ofrece un conxunto de apoios e intervencións desde un enfoque biopsicosocial, traballando sobre distintos aspectos do desenvolvemento cognitivo, afectivo, da linguaxe etc. A súa actuación vai dirixida á poboación infantil ata 6 anos, á súa familia e ao seu contorno, respondendo ás necesidades transitorias ou permanentes dos menores con dificultades no seu desenvolvemento ou que presenten risco de padecelas. Tamén se atenden aqueles casos de ata 12 anos que presenten discapacidades que precisen dunha atención especializada. Ademais da valoración e atención de situacións de risco e da necesidade dunha intervención profesional, tamén se encarga da aplicación dun tratamento específico e asesora en aspectos técnicos relacionados coas entidades sanitarias, sociais e educativas. Cabe sinalar tamén o enorme papel divulgador e informativo da importancia da detección, prevención e intervención precoz dos casos.